|
Article on other languages:
|
Coma Berenices ou A Cabeleira de Berenice (esposa de Ptolomeo III). Constelación situada preto e ó oeste de Leo.
MitoloxíaBerenice era a muller do rei de Exipto Ptolomeo III Evergetes (O Benfeitor), da dinastía Ptolemaica. Cando Ptolomeo subiu ó trono, a súa primeira misión consistiu en ir a Siria para loitar contra o rei Seleuco II e vinga-lo asasinato da súa irmá e do seu sobriño (que era o herdeiro ó trono desta rexión de Asia). Combateu longamente e acadou moitas vitorias, pero na súa ausencia, a súa esposa Berenice languidecía e estaba chea de medos pola vida do seu esposo. No seu sen vivir, un día foi o templo de Afrodita e alí xurou ante a deusa que sacrificaría para ela a súa fermosa cabeleira (que era a admiración de todos cantos a coñecían), no caso de que Evergetes regresara vivo e vencedor. Así foi, e ese mesmo día, o día do seu regreso, Berenice cumpriu a súa promesa. Pero pola noite alguén foi ata o templo e roubou a cabeleira. Os rumores apuntaban a que o fixera un sacerdote do templo de Serapis, deus exipcio, indignado polo feito de que a raíña fixera un sacrificio a unha deidade grega. A desesperación de Berenice e o furor de Ptolomeo ante o feito do roubo foron grandes, pero ante eles chegou o astrónomo Conón de Samos para calmalos. A súa ciencia era moi venerada; escribira sete libros sobre astronomía e todo o mundo coñecida a súa gran amizade co famoso Arquímedes de Siracusa. Conón mostrou ós reis unha agrupación de estrelas, e contoulles que esa agrupación acababa de aparecer no firmamento e que sen dúbida tratábase da cabeleira de Berenice, que fora transportada alí pola deusa Afrodita, a quen se lle tiña ofrecido. Despois, o sabio Conón debuxou unha larga melena de estrelas no globo celeste do Museo de Alexandría. O poeta e gramático grego, Calímaco de Cirene, que fora bibliotecario durante moitos anos, inmortalizou á raíña Berenice e a súa magnífica melena nunha elexía. Aquí vai un dos seus fragmentos:
Imaxe das constelacións de Boötes e Coma Berenices.
ObservaciónA pesares dos seus 386 graos cadrados, a Cabeleira de Berenice (Coma Berenices) é unha constelación pouco vistosa a simple vista. As constelacións veciñas son: ó oeste o León (Leo); ó norte, Os Cans de Caza ou Lebreles (Canes Venatici); ó leste o Pastor (Boötes) e ó sur, a Virxe (Virgo), as cales servirán de referencia para a súa localización, ou ben para atopa-la rexión comprendida entre α Canun Venaticorum (α dos Canns de Caza ou Cor Caroli), β Leonis (Denébola), ε Virginis (Vindemiatrix ou Almuredin) e α Bootis (Arturo). A Cabeleira de Berenice está situada entre 11h55m e 13h35m de ascensión recta e entre +14º e +34º de declinación. Unha vez localizada esta rexión do firmamento, hai que tratar de recoñece-lo triángulo isósceles formado por tres das máis brillantes estrelas, aínda que só sexan de cuarta magnitude: α ou 42 Com, β ou 43 Com e γ ou 15 Com. Coma temos mencionado anteriormente, a constelación non contén ningún obxecto vistoso, a pesares da forza do mito e a alusión histórica de Eratóstenes, non foi ata o ano 1602, cando o gran Tycho Brahe lle concedeu un lugar no ceo. A mellor forma de poder aprecia-los seus escasos atractivos, é observándoa cuns prismáticos de gran campo adaptados para a visión nocturna ou cun telescopio de coma mínimo 14 cms de abertura e oculares de pequenos aumentos. De agora en adiante as cantidades que figuran entre parénteses (1254+1655) referense as catro primeiras cifras das horas e minutos de ascensión recta e as restantes a graos e minutos de declinación. O signo + por estar situada no hemisferio norte. Todas estas cantidades refírense a X2000.0. Aglomeración Estelar da Cabeleira ou Cúmulo Estelar de Coma. Este cúmulo aberto é moi extenso, sobre uns 5º de diámetro que non ten un nome especial en ningún catálogo. A veces é recoñecido polo nome de "Mel 111" en alusión á lista de 250 cúmulos abertos, que recompilou en 1915 Philibert Jacques Melotte (1880-1961). Esta agrupación comprende máis de 40 estrelas bastante febles, varias de elas observables a simple vista que teñen unha magnitude 5 e que son coñecidas coma 12 Com (4m75), 13 Com (5m17), 14 Com (4m93), 16 Com (4m99) e 21 Com (5m45). O cúmulo dista da Terra a uns 255 anos luz, sendo un dos máis próximos a nós despois dos da Ursa Major e as Hyades. Tratase ó mesmo tempo dunha corrente de estrelas, que se move con respecto ó Sol cunha velocidade duns 8 km/s en dirección á constelación da Vela. Este atopase entre as estrelas α Canum Venaticorun (Cor Caroli) e β Leonis (Denébola). Os espectros das estrelas que compoñen o cúmulo van dende a clase A ata os tipos K e M. Cun telescopio, aparte do cúmulo citado, pódese percibir un elevado número de galaxias das máis luminosas das que poboan practicamente toda a constelación, especialmente no ángulo sur occidental e tamén na veciña constelación de Virgo. A 24m ó sur da estrela 31 Com, é dicir en α=12h51s e δ=+27º07' proxectase o Polo Norte da Galaxia, e ó redor dese punto tódalas fontes exteriores a ela, parecen xirar en sentido contrario á rotación efectiva de noso sistema sideral e que como sabemos, pola posición do Sol, realiza un xiro completo en aproximadamente 250 millóns de anos, é o chamado "ano cósmico". Neste punto a mirada está centrada lonxe da Vía Láctea, a interferencia debida ó gas e o po da nosa galaxia é practicamente nulo, o que fai que sexan visibles moitas galaxias. Estrelas principaisβ Com ou 43 Com (1312+2753) A estrella máis luminosa da constelación é de 4,25 de magnitude, tipo espectral G0V e está a 8,3 parsec de distancia do Sol, alonxandose de nós a razón de 6 km/s. α Com, 42 Com ou Diadem (1310+1732) A segunda estrela máis luminosa cunha magnitude e de 4,32, aínda que en realidade é unha estrela tripla, onde as compoñentes A e B son de 5,05 e 5,08 magnitudes e están tan preto unha da outra que con instrumentos pequenos é imposible separalas, son de clase espectral F5 e xira unha ó redor da outra en 25,87 anos. A compoñente C está a 110" da principal A, cunha magnitude 10,1. 15 Com ou γ Com (1227+2816), estrela de tipo espectral K1 e de 4,35 magnitude, de cor amarelo-alaranxada que se atopa a 35 parsec de distancia e alonxandose a razón de 4 km/s. Ademais, podemos atopar 35 estrelas que brillan con magnitudes comprendidas entre a 4,74 de 11 Com ata a 6,56 de 28 Com. Coma Berenices conta con algunhas estrelas dobres que se poden ver doadamente. 2 Com (1004+2128) Dobre de magnitudes 5,9 e 7,4 separadas 3"7 de cores amarela e verde intenso e cun ángulo de posición de 237º. É un par de extraordinaria beleza, que necesita para a súa observación empregar oculares de forte aumento. Dista 56 parsecs e alonxase a razón de 5 km/s. 11 Com (1221+1748) é difícil de separar con instrumentos pequenos, xa que as súas compoñentes son de 4,7 e 12,7 magnitudes e separadas entre si 9"1. Ambas son de clase K0. 12 Com (1223+2551) é un sistema triple, as compoñentes AB son de magnitudes 4,8 e 11,8 separadas 35" de cores branca e amarela, para podelas separar necesítanse telescopios de maís dun 1 dm de abertura. A compoñente C é de 8,3 de magnitude e cor branca, separada 65"2 da compoñente A. O conxunto está a 27 parsecs de distancia e alonxandose a razón de 1 km/s. 17 Com (1229+2555) é outro sistema triple cunha compoñentes AB que están separadas por 145"2, de cor branca ambas e magnitudes 5,3 e 6,6 que se poden separar con prismáticos. A compoñente C está moi próxima á B, tan só 1"8 de distancia e 14,6 magnitude. Distan 22 parsecs, que se reducen a razón de 3 km/s. 24 Com (1235+1823) é un sistema moi atractivo, composto por dúas estrelas separadas 20"3 e de magnitudes 5,2 e 6,7, clase espectral K0 e A3, cor alaranxada e azul respectivamente, que se poden separar cuns prismáticos un pouco potentes. A menos luminosa é a súa vez unha binaria espectroscópica cun período de 7d3366; os tres astros atopanse a unha distancia de 110 parsecs que se incrementan a razón de 4,1 km/s. Σ1685 (1252+1910) é un par branco amarelo-verdoso de magnitudes 7,3 e 7,9 separadas 16"0 e un ángulo de posición 202º. É doado de separar cuns prismáticos algo potentes. 32 e 33 Com (1252+1704) sistema visible con prismáticos; son dúas estrelas de 6,3 e 6,7 magnitudes, tipo espectrales F5 e F8, unha vermella e a outra amarelo-verdoso separadas 95"2. En realidade este sistema é triple, xa que a 897"2 atopase unha terceira de magnitude 8,7 situada nun ángulo de posición de 262º da principal. Estrelas Binarias VisuaisTemos á xa citada α Com ou 42 Com (1310+1731) cun periodo de 25,87 anos. En 1827 efectuouse a primeira medición e H. Haffner publicou os seus elementos en Astronomische Nachrichten no 1948. É un par moi pechado e só visible para grandes instrumentos. Σ 1639 (1224+2535) é outro par binario de magnitudes 6,76 e 7,79 e cun periodo moi longo de 678 anos. Ramón María Aller publicou os seus elementos no 1951 en Urania, realizándose a primeira medición no 1836, e a terceira que citamos é 35 Com ou Σ 1687 (1253+2114) de magnitudes 5,06 e 7,23 o que nós fai vela cunha magnitude combinada de 4,92; tamén é un par de longo período, 510 anos. A primeira medición realizouse no 1829 e W. D. Heintz no 1973 publicou en Astronomical Journal os seus elementos. Estrelas VariablesAs estrelas variables son escasas en Coma Berenices e ademais que estean ó alcance de instrumentos pequenos, podemos considerar a R Com (1204+1849), no seu máximo acada a magnitude 7,1 e no seu mínimo 14,6 cun longo período de 362d82 e aquí estriba o seu inconveniente para observala, ademais da súa elevada magnitude no mínimo, É unha variable tipo Mira. FS Com (1306+2237) é do tipo RRCrB ou semirregular, cun período de 58 días, flutuando a súa magnitude entre 5,3 e 6,1. AI Com (1231+2434) é una variable pulsante de periodo 5d0633 pasando de 5,23 a 5,40 magnitudes e por último UU Com ou 21 Com (1231+2434), outra púlsante de período de 2d1953 e unha oscilación luminosa de 5,41 a 5,46. Estas dúas últimas están ó alcance duns prismáticos, pero é moi difícil segui-la súa oscilación luminosa.
Obxectos Notables do espazo profundoGalaxiasSon visibles un longo número de galaxias en Coma Berenices, incluíndo sete obxectos de Messier. Cúmulo de Galaxias de VirgoComa Berenices contén unha porción do norte do Cúmulo de Virgo (tamén coñecido coma o Cúmulo Coma-Virgo ), o cal esta a uns 60 millóns de anos luz. M100 (NGC 4321) (1223+1549) galaxia espiral tipo Sc de magnitude 9,37 e unhas dimensións de 6,9 x 6,2' de arco. O núcleo é pequeno e brillante e con dous brazos ben definidos. Descuberta por Méchain xunto con M99 e M98, é a espiral máis grande do Cúmulo de Virgo e o seu diámetro real pode ser maior que 100.000 anos luz, calculase que se atopa a uns 40 millóns de anos luz. Sen embargo esta distancia, ó igual que M99, non coincide có corremento ó vermello das súas franxas espectrais. A súa velocidade radial é de +1543 km/s.
M99 (NGC 4254), (1219+1425) descuberta tamén por Méchain, é do tipo Sc, ó redor de 1,5º o sueste de M98 e cunhas dimensións de 5,4 x 4,8' de arco e magnitude 9,84. Presentase case de cara e é chamada o Cubo da Roda, dista uns 50 millóns de anos luz. O diámetro real sería duns 50.000 anos luz. O corremento ó vermello é o maior entre os membros do cúmulo de Virgo. A súa velocidade radial é de +2324 km/s. M88 (NGC 4501) é unha galaxia espiral de varios brazos, vese uns 30° inclinada respecto ó seu canto. M91 (NGC 4548)(1235+1430), galaxia tipo SBb de dimensións 5,4 x 4,4' de arco e magnitude 10,19. Forma parella con NGC 4394. Cúmulo de Galaxias de ComaO cúmulo de galaxias de Coma está no norte do cúmulo de Virgo. Está situada ó redor de 230 a 300 millóns de anos luz de distancia. O cúmulo é bastante longo, contén máis de 1.000 grandes galaxias e posiblemente por riba de 30,000 das pequenas. Un pescuda de Fritz Zwicky no 1957 identificou 29,951 galaxias na área que ten un brillo superior a 19 de magnitude. Onde algúns deses obxectos por riba de 19 de magnitude poden ser obxectos distantes de fondo, ó número total de galaxias no cúmulo podería ser bastante longo. Debido á gran distancia á que está o cúmulo, a maioría das galaxias só son visibles con telescopios de gran alcance. Os membros máis brillantes son NGC 4889 e NGC 4874, ambos obxectos de magnitude 13, o resto dos membros son de magnitudes de 15 ou superiores. NGC 4889 é unha galaxia elíptica xigante. Outras GalaxiasM64 (NGC 4826) (1257+2141), descubriuna Bode en 1779 cunha magnitude 8,51 e unha dimensións de 9,3 x 5,4' de arco, é unha espiral tipo Sb. É clásica a súa disposición elipsoidal, cun suave descenso luminoso do centro cara ós bordes, pero que observada cun gran aumento e especialmente en fotografías, revelan estas unha notable cantidade de materia escura na súa zona sur, sobre o borde do núcleo central, coma se un gran cataclismo cósmico se tivera producido alí ou algún fenómeno de desintegración; non hai que esquecer que M64 é unha potente radiofonte. Esta banda escura é a causa do seu tétrico nome de Ollo Negro que lle foi dado a esta galaxia. Atopase a uns 44 millóns de anos luz. NGC 4565 (1236+2559) é unha espiral tipo SbI de 9,56 de magnitude e unhas dimensións de 16,2 x 2,8' de arco, velocidade radial +1.122 km/s e dista uns 7 millóns de anos luz. Vémola exactamente de canto ou mellor dito cunha inclinación de 4º con respecto á nosa liña de visión. En fotografías realizadas con grandes telescopios, podemos facernos unha idea de coma máis ou menos se debe ve-la nosa galaxia dende o espazo exterior. QuasarsQuasar PG1247+26° é o quásar máis brillante visible en Coma Berenices. Tamén dicir que, W Com coma foi orixinalmente coñecida e identificada coma estrela variable, e coma tal déuselle unha designación de estrela variable, pero máis tarde descubriuse que era un obxecto BL Lacertae. Normalmente a súa magnitude ronda os 16.5, pero pode acadar unha magnitude 12. Cúmulos GlobularesM53 (NGC 5024) é un cúmulo globular descuberto por Bode en 1775 e independentemente por Charles Messier en Febreiro de 1777. O seu brillo e de 7,7 de magnitude, facendo posible a súa observación con binoculares. Está a unha distancia de 65,000 anos luz e a súa luminosidade total é ó redor de 200,000 veces a do Sol. A só 1° está NGC 5053, un cúmulo globular pouco denso cun núcleo de estrelas aínda un pouco menos denso. a súa luminosidade é ó redor de 16,000 soles, o cal é unha das menores luminosidades de entre calquera cúmulo globular. Foi descuberto por Sir William Herschel en 1784. É dunha magnitude aproximada de 9,9. NGC 4147 é un cúmulo globular un pouco máis feble (magnitude 10,2) cun tamaño aparente moito menor. Véxase taménLigazóns externas
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
This article is from Wikipedia. All text is available under the terms of the GNU Free Documentation License.